images-crop

Renda Básica vs Emancipación Social

Ante o meu anterior artigo contra a Renda Básica, titulado “Tudo contra a Renda Básica” http://praza.com/opinion/1854/tudo-contra-a-renda-basica/ xurdiu unha gran variedade de opinións discordantes. Algo lóxico e de todo san. De todas estas a única que foi publicada en forma de artigo foi a de José Iglesias Fernández, quen fai un estimulante alarde de machirulismo testosterónico. De entre unha innumerábel sucesión de falacias ad hominen descalificativos de todo tipo e insultos contra a miña persoa, podemos extraer dous argumentos que parecen ter certa consistencia:

A RB é un instrumento idóneo para loitar contra o capitalismo ao non precisar as persoas de vender a súa forza de traballo aos capitalistas, feito que (textualmente): deja tiempo libre para cuidar coles por la mañana, pescar por la tarde y hacer teatro por la noche.
A RB non precisa dun crecemento económico constante porque é unha medida redistributiva, polo que será maior en canto a evolución do PIB sexa positiva e menor se é negativa. Ademais, o incremento do PIB non ten porque estar ligado ao consumo enerxético sempre que o emprego de tecnoloxías baseadas no aforro enerxético entren a formar parte a ecuación.

Moitas outras persoas, apuntáronme que a RB non precisaba dun crecemento económico ilimitado, dado que;sería sufragada por medio de aumentar os controis sobre os fluxos de capital para que, desta maneira, o Estado puidese dispor de maiores ingresos, feito que podería vir acompañado dunha elevación da carga impositiva aos capitais privados. Observemos aquí como a dialéctica nacida da economía política clásica segue invariábel aínda hoxe, entendida sempre como unha oposición entre público e privado. O problema é non entender que o público ten o mesmo impacto ecolóxico que o privado, pero vaiamos por partes.

A primeira das cousas que debemos destacar é que eses cartos que van chegar aos nosos petos por medio da RB, unicamente teñen valor na medida en que podamos intercambialos por bens e servizos. Isto non tería demasiada relevancia en calquera outra sociedade, pero si que a ten nas sociedades occidentais, pois os bens que nós consumimos, están producidos en latitudes do planeta ben afastados dos nosos centros de consumo. Para que estas manufacturas podan chegar aos mercados europeos, as grandes empresas multiplican cada ano redes de comercio internacional, que enlazan centros de produción con centros de consumo. Sen estes enlaces a RB non tería ningún sentido, simplemente porque os produtos non chegarían aos estantes das tendas onde os compramos. Con certeza, a RB asegura que os produtos que chegan aos mercados europeos van ser consumidos, ao dotar a cada cidadán dunha renda monetaria suficiente para seguir mantendo o seu índice de consumo alto. O aumento do consumo interno das economías occidentais foi, desde o inicio da segunda metade do século XX, o principal motor do crecemento económico, e polo tanto, do PIB. Nesta primeira cuestión é onde a RB se visualiza coma unha proposta francamente favorábel ao desenvolvemento das sociedades de consumo, aumentando a nosa pegada ecolóxica sobre o planeta, e garantindo a evolución dos mercados. En resumo: como dicía aquel tema de Dios ke te Crew “os cartos non se comen”, en cambio nós, para comer todos os días, precisamos dun sistema económico que nos leve os produtos até o supermercado, e esa relación de dependencia é o que alimenta o crecemento capitalista.

É importante tamén sumar á ecuación o factor enerxético, pois se os produtos producidos en Chile, Uruguai, China, Brasil… chegan aos mercados europeos é grazas aos fluxos de comunicación e transporte que funcionan a base de combustíbeis fósiles. A dispoñibilidade crecente de enerxía barata explica que o capitalismo puidese emprender as grandes aventuras internacionais que supuxeron a globalización, e así aumentar os seus beneficios. A evolución e fortalecemento das sociedades de consumo occidentais transcríbese ao sector enerxético coma un aumento da demanda e, dado que con unha RB a compra dos produtos polxs compradorxs finais é segura, os oligopolios veranse motivados a incentivar a demanda de petróleo para transportar máis produtos aos mercados do primeiro mundo. Hai quen apunta que as melloras no campo enerxético, destinadas ao aforro de enerxía poderían supoñer un freo ao aumento do consumo de combustíbeis. Sen embargo o Paradoxo de Jevons ofrece unha explicación de como o acontecido é exactamente o contrario. A medida que se descobren tecnoloxías máis eficientes no uso de recursos, o consumo destes recursos non diminúe senón que aumenta, posto que estas novas eficiencias son estimulantes da produción, e fornecen vantaxes competitivas para as empresas que as poñan en funcionamento. Outrxs argumentan que as enerxías renovábeis virán salvar o noso modo de vida consumista. Por falta de espazo, remitireinos aos conceptos de Taxa de Retorno Enerxético e Densidade Enerxética. En resumo: A RB vai moi á contra das perspectivas decrecentistas.

Para que a RB poda ser pagada, as empresas precisan ter beneficios con os que pagar os salarios e, máis importante, os impostos. Que estes beneficios se fagan reais é froito de dous tipos de explotación: laboral e de recursos naturais. É unha medida crecentista porque non pode ser levada a cabo sen que cada ano as grandes empresas exploten novas fontes de recursos cós que producir, vender e pagar impostos, impostos que financian a RB.

Mais aínda ficarían cousas por dicir. Afirman, as respectábeis persoas que defenden a RB que, liberados das cadeas do traballo asalariado, xs proletarixs poderán dedicar o total do seu tempo á emancipación. Abunda a bibliografía para argumentar que ese proceso de liberación do traballo asalariado non ten porque supoñer, nin ser inicio dun proceso de emancipación. Unha das obras máis interesantes neste sentido é “O home unidimensional” de Herbert Marcuse, pero tamén Horkheimer en “Crítica da razón instrumental” dá boa mostra de como a dominación e o exercicio da razón poden ir parellas na realidade das sociedades tecno-idustriais, e non responder aos impulsos pola emancipación social. É dicir, que a propia dominación das clases dominantes asegura unhas condicións de vida suficientemente atractivas e cómodas para que ás clases subalternas nin tan sequera pensen na posibilidade de construír outros mundos. A RB é unha proba disto, pois en lugar de cuestionar e incidir sobre as diferenzas políticas das clases sociais, busca construír un sistema no que: se asegure a evolución da sociedade de consumo, e se asegure a comodidade suficientemente para que os individuos non sintan a necesidade de precuparse pola súa falta de soberanía política.

Pois, como xa anticipei no anterior artigo, non son as diferenzas económicas, senón as diferenzas políticas as que fundamentan as diferenzas de clase. Noutras palabras: a capacidade de influír no poder instituído dos grandes capitais é maior que a capacidade das clases subalternas de influír no poder instituído, polo que as primeiras poden aprobar medidas legais (coactivas) para lexitimar as súas fortunas, explotación sobre humanos e sobre recursos naturais… Logo o que está en xogo non é o poder monetario, senón o poder político: a Soberanía.

Non obstante, teño que dicir que no anterior artigo non propuña nada en positivo. Pois ben, se como vimos, o gran alimento do capitalismo actual é o consumo das nosas sociedades, por que non favorecemos modelos de economía alternativa paralelas ao capitalismo? No noso País hai 700.000 hectáreas de monte comunal, un terreo inmenso e infrautilizado que é propiedade directa da veciñanza. Por que non comezamos a elaborar propostas para que ese ben de produción básico que é a terra sirva de sustento principal de modelos de economía alternativa e non capitalista? Esta proposta propiciaría a redución do desemprego, a dignificación das persoas, o respecto polo medio ambiente, o desenvolvemento dunha economía sustentábel, o decrecemento enerxético, a diminución da dependencia do capitalismo, retomar as culturas populares, repoboar o rural… A RB unicamente contempla ser ofrecida en Euro. O Euro é unha moeda que está moi lonxe de calquera control democrático, serve tan so aos intereses dos oligopolios. Por que non se contempla que sexa ofrecida en moeda social? Por que, se se queren implementar os principios de autonomía e autoxestión, pregámoslle ao Estado máis medidas monetarias? Como ben di no seu artigo José Iglesias Fernández: “el Estado es un órgano de clase”. Nese caso, deberíamos tentar non depender economicamente do Estado, ou non? Pois en lugar disto hai unha esquerda que consiera que o Estado pode ser unha garantía en favor das clases desfavorecidas polo capitalismo e a súa estratexia se reduce en tres palabras “dame, dame, dame”. O noso grande problema, como xa se dixo aquí, é que somos incapaces procurar alternativas que non pasen por esa estratexia que favorece o par Capital-Estado.

Nota: Ninguén até o momento foi capaz de responder ao argumento da inflacción que provocaría a RB e que desactivaría ao instante todas as “bondades” que traería á poboación.

7 opiniões sobre “Renda Básica vs Emancipación Social”

  1. Nota: se a renda básica se fai a través de redistribución e non a través de expansión monetaria (que de feito é como está concibida), non ten por qué crear inflación.
    É evidente que esa redistribución non se fará dun día para o outro, polo que o eventual aumento de consumo que se producirá (que non é igual ao total redistribuído, senón só a diferencia entre as propensións marxinais ao consumo das clases beneficiadas e perxudicadas) poderá ser absorvido pola oferta.

    1. Nom lhe atopo sentido ao que dis Javier. Nom se trata de se é redistributiva ou nom. Precisamente porque é redistributiva vai aumentar a inflaçom. Nom sei se recordas a chamada “ajuda para o aluguer” de Zapatero. Essa medida era redistributiva posto que “regalava” ajuda económica ás pessoas que nom lhes chegassem os quartos para alugar um piso. A reacçom do mercado de aluguer de pisos imediata foi ascender o preço do aluguer. Por que? pois porque agora xs compradorxs tinham mais quartos para investir no aluguer. Polo tanto a ajuda ao aluguer de Zapatero foi umha ajuda económica aos propietarios e nom aos moçxs que procuravam um piso. Bem, pois isto mesmo sucedería cumha RB, mas em lugar de nos pisos, em TODOS os produtos. Posto que teremos mais quartos para gastar, os propietarios dos medios de produçom veranse incentivados a aumentar o preço dos seus produtos, já que a povoaçom que os compra dispóm de maior nível adquisitivo.

      Nunca te preguntaches porque o mesmo produto vale 10 veces mais em Suiça que em Espanha? Pois so tes que aplicar a mesma lógica…

  2. Terra de Oça, que un produto valla 10 veces máis en Suíza que en España non é por presións de demanda senón por multitude de fatores asociados ao proceso de desenvolvemento económico. (aínda que valla máis, o poder adquisitivo tamén é maior, polo que en todo caso é unha comparanza absurda).

    Por otra banda non podes comparar un mercado concreto e con oferta ríxida coa economía no seu conxunto, e particularmente nos setores maduros nos que se concentraría ese aumento de demanda. Só se produciría inflación naqueles setores nos que a oferta non sexa capaz de axustarse á demanda, o cal, debido á madurez de todos os setores de produtos básicos, serían casos moi particulares.

    1. Home Javier. Sem ofender… mas isso paréceme mais bem umha esperança ou umha crença… A historia económica tem amossado como o aumento do poder adquisitivo rematou por traducirse num maior consumo e polo tanto numha maior inflaçom. Que haja seitores onde a inflaçom será maior que noutros, nom o nego. Mas de aí a dizer que a RB nom vai traer inflaçom porque se fai a través de redistribuçom monetaria…

      Em certo modo podemos entender as políticas do welfare state como medidas redistributivas, já que salvavam á populaçom de pagar serviços privados, puidendo dedicar esses quartos a consumos menos imperiosos, o que deu lugar ás sociedades de consumo occidentais e ao “desarrollismo”. A RB segue a mesma lógica, so que é muito mais directa que os welfare.

      De facto tu mesmo o digeches… o aumento de preços em Suiça é explicado por muitas variáveis, entre elas a mais importante é a do poder adquisitivo medio das familias. Pois… aplica a mesma lógica no caso em que falamos… Que passará se cumha RB aumenta o poder adquisitivo das familias? Se nom me engano, a RB nom vai obrigar a esse 73% da populaçom activa que aínda tem emprego a deixalo. Essa povoaçom conserva um salario medio de 1.640 euros mensuais. Que passará se a partir do día X do mes X de 2016 (por ponher um exemplo), essa povoaçom receve a maiores 645 euros cada mes?

  3. Imos ver, o primeiro é entender o fenómeno da inflación, do cotrario estamos falando por falar. A inflación consiste na perda de valor dunha moeda determinada; e dicer, coa mesma cantidade de cartos podes mercar menos bens e servizos. Por este motivo, non ten sentido dicer, como fas no anterior comentario, que ” A historia económica tem amossado como o aumento do poder adquisitivo rematou por traducirse num maior consumo e polo tanto numha maior inflaçom”, xa que precisamente o maior poder adquisitivo consiste na maior capacidade de adquirir bens e servizos (xusto o contrario do que é a inflación). É dicer, a evolución do poder adquisitivo é igual á evolución dos salarios monetarios menos a inflación. Por moi alta que sexa esta, iso non é un problema se os salarios están aumentando en maior medida.
    De feito, collendo o teu propio exemplo, que Suíza teña uns prezos maiores simplesmente significa que que teñen unha maior capacidade adquisitiva respeito ao exterior (é dicer, sáelle máis barato mercar produtos españois, mentres que a un español sáele máis caro mercar un produto suízo).
    Polo tanto, que poida producirse inflación ante a implantación da RB, por suposto, pero se queremos ser minimamente rigurosos (ao contrario que o artigo) debemos identificar as posíbeis fontes desa inflación:
    – Pode producirse inflación nos setores onde a oferta non sexa capaz de axustarse ao eventual aumento da demanda (pouco probábel dada a madurez dos setores produtores de bens básicos).
    – Pode producirse inflación polo diferencial de propensións marxinais ao consumo das clases prexudicadas respeito das beneficiadas (sempre e cando o aumento dese consumo se concentre en sectores afectados polo ponto anterior).
    – Pode producirse inflación polo eventual descenso da produción derivado do abandono de empregos, sempre que este non se vexa compensado polo aumento de produtividade.
    ———————-
    – NON pode producirse inflación pola vía da emisión monetaria (non sei se lin isto neste artigo, noutro do mesmo autor ou de Marcos Celeiro), xa que a renda básica non se produce por aumento da oferta monetario senon por redistribución.

    En conclusión, claro que se pode producir inflación, mais as súas fontes son limitadas e non parece problemática dado o maior poder adquisitivo das clases populares.

    Por último, sería de agradecer que os autores destes artigos se formaran minimamente en aspectos económicos, pois a excesiva simplificación e a confusión de conceitos en nada beneficia ao debate e ao intercambio de ideas.

    Un saúdo.
    Un saúdo.

    1. Déixote aquí a ligaçom á wikipedia onde podes ver o significado de inflaçom: http://es.wikipedia.org/wiki/Inflaci%C3%B3n

      Esta conversa empeça a durar um pouco de mais, porém que de todos os argumentos em contra da RB tu unicamente te centraches em um. Cousa que nom me parece mal, mas empeça a ser um pouco canso. Déixote tb a ligaçom do debate sobre RB que tivemos em Radio Cuac há uns messes: http://www.ivoox.com/a-renda-basica-a-debate-audios-mp3_rf_2793060_1.html Se mal nom recordo, Xoán Soto, economista da UdC defende o argumento da inflaçom contra a RB (já que parece que nom cres a um sociólogo, que cho explique um economista)

      Vamos ver… Começaches dizendo que a RB nom ía provocar inflaçom de ningúm tipo dado que era umha medidad redistributiva. Entendo entóm que tu es dos que defende que o crescimento económico é bom sempre que seja redistribuído polo EStado, fetém! Agora defendes que sim vai haver inflaçom, mas so nalgúns seitores, aínda por acima tes a cara de dizer que é a mim a quem me falta formaçom, depois de dar mais bandazos que um temporal…

      Bem… A inflaçom nom tem porque traducirse numha disminuçom das capacidades de consumo da povoaçom, eu nunca digem isso. De facto penso que as capacidades de consumo da povoaçom vam ser as mesmas com, ou sem RB, e já o expujem noutro texto. Eu nunca digem que a RB fosse a producir inflaçom por mor do aumento da emissom de moeda. O meu argumento é muito mais singelo e inclusso óbvio: Se a partir dum dia qualquer do ano 2016 o total dxs cidadáns contam com 600 euros de mais nos seus petos, necesariamente o preço dos artigo subirá porque xs capitalistas tentarám maximiçar os seus beneficios num cenário económico mais favorável (é tam singelo que case me parece um insulto que o sigas discutindo e buscándolhe tres pes ao gato)

      Por outra banda. Estás demassiado seguro de que um gram sector da povoaçom vai abandonar os seus postos de emprego por contar coa RB. Gostaría de saber o que che fai pensar isso, de verdade! Xs sociólogxs temos grandes dificuldades para fazer prediçons baseándonos unicamente em aspeitos económicos e nom contando coas vontades das pessoas. Por isso dizer que que vam abandonar os seus empregos… Isso sim que nom me parede RIGUROSO, amigo…!

Deixe uma resposta para Javier Cancelar resposta

O seu endereço de email não será publicado Campos obrigatórios são marcados *

Você pode usar estas tags e atributos de HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>